Como debería ser un docente innovador na didáctica das linguas?

A particularidade das aulas de linguas con respecto a outras materias é que o obxecto de estudo tamén é o vehículo do ensino-aprendizaxe. As linguas son o fin mais tamén o medio. Os coñecementos lingüísticos son necesarios, pois son a base para acción comunicativa, pero non garanten unha boa competencia comunicativa. As linguas non se ensinan, as linguas fanse, experiméntanse e practícanse. A falar só se pode aprender falando.

O docente innovador debe xerar na aula de linguas un clima de confianza que invite á interacción e á participación activa, fomentando no alumnado a autonomía, a creatividade e o pensamento crítico. O profesorado debe ser autocrítico e flexible, adaptándose ás circunstancias e reorientando o seu labor cando sexa necesario. Considero que nesta profesión é imprescindible a motivación, así como a continua formación, tanto na área de especialidade coma nos métodos pedagóxicos. Mais, por riba de todo, un docente innovador non debe ter medo ao cambio, a romper coas súas ideas preconcibidas e a introducir novos enfoques e ferramentas, como as TIC.

No caso das linguas, o docente debe ter en conta a calidade dos estímulos, creando un ambiente de inmersión lingüística. É preciso espertar nos estudantes o gusto pola lingua para que esa inmersión se estenda máis alá do entorno da aula e sigan a mergullarse na lingua fóra do centro educativo, a través da música ou do cinema, por exemplo.

Escollín para ilustrar esta entrada unha imaxe de varias persoas xuntando pezas para formar un quebracabezas porque para min representa a esencia dunha docencia innovadora. O profesor debe desenvolver o labor de guía e acompañante, proporcionando aos alumnos as pezas que deben encaixar, traballando de xeito cooperativo, para completar o quebracabezas da aprendizaxe. Así, o estudante asume un papel activo no proceso, que lle permitirá tamén adquirir competencias necesarias para o seu desenvolvemento como persoa.


Comentarios