Entornos Virtuais de Aprendizaxe

 

Vivimos nun mundo dominado pola tecnoloxía e, como docentes, non podemos desenvolver o noso labor de costas a esa realidade, senón que debemos tirar proveito das diferentes ferramentas que nos ofrece. A tecnoloxía é un boa opción para dinamizar as aulas e espertar o interese do alumnado. Dada a súa versatilidade, os Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA) poden ser grandes aliados dos docentes de linguas. Permiten levar a cabo actividades de aprendizaxe de xeito cooperativo entre os estudantes, fomentando así o traballo en equipo e a interacción social.

Unha posible actividade empregando os EVA sería propoñer aos alumnos que se convertan en críticos de produtos en lingua inglesa, dende películas, series ou libros ata música ou videoxogos, para elaborar unha bitácora de aula cooperativa. Empregando como soporte a plataforma Blogger e coa axuda do docente, os estudantes crearían unha bitácora na que traballarían tanto a expresión escrita como a expresión oral. Cada alumno debería elaborar, como mínimo, unha crítica escrita e outra en formato podcast, servíndose do programa de gravación Audacity. As distintas producións do alumnado compartiríanse en forma de entradas na bitácora común. Ademais, o resto de compañeiros deberían ler e escoitar as críticas dos demais e deixar en cada entrada comentarios, dúbidas ou suxestións. Este proxecto axudaría a que se coñeceran máis, a través dos seus gustos persoais, e sería unha boa maneira de descubrir novos libros, películas, series, videoxogos, grupos ou cantantes, ampliando tamén o seu coñecemento do mundo anglófono.


Comentarios