Espazos educativos innovadores: Aulas Cooperativas Multitarea

A proposta pedagóxica do Centro de Formación Padre Piquer (Madrid) baséase nas aulas cooperativas multitarea. Estas aulas están organizadas por “ámbitos de ensino e aprendizaxe”: “Ámbito Socio-Lingüístico” e “Ámbito Científico-Tecnolóxico”. Neste centro elimínanse as barreiras físicas e proponse un novo espazo educativo con capacidade para uns sesenta estudantes e no que están presentes un mínimo de tres docentes. Isto implica un traballo en equipo por parte do profesorado, xa que o docente non está só na aula e o seu traballo vese enriquecido pola aportación dos compañeiros.

Este centro educativo fomenta a aprendizaxe cooperativa mediante o traballo en grupos heteroxéneos, nos que a colaboración interpersoal é esencial no éxito da tarefa, e tamén a posibilidade de realizar distintas tarefas na mesma aula. O alumnado comparte moitas horas cos mesmos docentes, o que permite que a aprendizaxe sexa máis flexible e dinámica, cunha atención máis individualizada e respectando os ritmos de cada estudante.

Outro método que se emprega neste centro é a aprendizaxe baseada en problemas: preséntase o problema, identifícanse as necesidades de aprendizaxe, búscase a información necesaria e finalmente vólvese ao problema para solucionalo. O uso das TIC está moi presente nese proceso de busca, organización e presentación da información.

No tocante á didáctica das linguas, non sei ata que punto pode ser satisfactoria seguindo esta proposta. Paréceme interesante a idea de eliminar barreiras e das aulas cooperativas pero, quizais por descoñecemento, non comparto a idea de aulas tan numerosas e do traballo en equipo de varios docentes na mesma aula.


Comentarios