Espazos educativos innovadores: Aprendizaxe e Servizos Comunitarios

A proposta pedagóxica do IES Miguel Catalán de Coslada (Madrid) baséase na aprendizaxe servizo. O alumnado desenvolve diversos proxectos de aprendizaxe e servizos comunitarios con diferentes entidades do seu concello: o banco de alimentos, a protectora local de animais ou a biblioteca do hospital. Dese xeito, os estudantes non só actúan no entorno educativo senón tamén máis alá das aulas e implícanse na vida do seu concello e en temas sociais. A participación activa de todos os membros da comunidade educativa neses proxectos contribúe á mellora da convivencia e á transformación do entorno. Iso contribúe a unha aprendizaxe significativa, na que o alumnado entende a utilidade dos coñecementos que está a adquirir e sente a satisfacción de ver o froito do seu traballo.

Unha peza fundamental desta proposta son as súas estruturas, nas que se implica o alumnado, o profesorado e axentes externos como as ONG ou o Concello. Por exemplo, grupos de catro ou cinco estudantes elixidos polos seus compañeiros forman círculos de convivencia destinados a previr o acoso e a resolver conflitos.

Nas clases, foméntase o traballo cooperativo traballando en grupos heteroxéneos supervisados por voluntarios formados. Tamén se organizan debates temáticos e unha reunión semanal con invitados externos.

No tocante á didáctica das linguas, hai innumerables iniciativas de carácter social e comunitario que se poden desenvolver incluíndo diferentes idiomas. No caso de lugares con poboación estranxeira que non comparta a lingua ambiental, creo que podería ser de grande axuda para a súa integración. A aprendizaxe servizo paréceme especialmente interesante, pois considero que a escola non pode ser un ente illado do resto da sociedade, senón que debe fomentar no alumnado a participación activa como cidadáns e a súa implicación en diversas causas sociais.


Comentarios