Espazos educativos innovadores: Cooperativas Escolares

A proposta pedagóxica do Colegio Verdemar (Santander) baséase na aprendizaxe construtiva e na aprendizaxe por proxectos, a través da creación de Cooperativas Escolares de produción e servizo. Estas Cooperativas son asociacións administradas polo alumnado e orientadas polos docentes, nas que cada membro asume unha responsabilidade. Desenvolven actividades económicas e cívicas con fins educativos e comunitarios. Ademais, abórdanse elementos transversais do currículo como a educación ambiental.

O alumnado, mediante o traballo cooperativo, desenvolve a competencia “aprender a emprender”, que contribúe a estimular a súa iniciativa persoal e o seu espírito emprendedor. Ao remate de cada curso, organízase un mercado cooperativo no que venden os produtos elaborados para dar visibilidade ao traballo realizado e para colaborar coas ONG que cada Cooperativa escolla.

Na comunidade de Cantabria organízanse Encontros Cooperativos nos que as distintas Cooperativas Escolares buscan potenciar nos estudantes o sentido de pertenza á empresa cooperativa, afianzar no profesorado o modelo de aula e aprendizaxe cooperativas e difundir os proxectos e logros do seu modelo de ensino.

No tocante á didáctica das linguas, creo que se podería integrar perfectamente nesta dinámica. Sería interesante incluír os idiomas nas diferentes actividades que se desenvolven como ferramenta para a comunicación e o traballo cooperativo.


Comentarios