Espazos educativos innovadores: Contextos Sociais

A proposta pedagóxica do CEIP Amara Berri (San Sebastián) baséase nos principios de participación, implicación e corresponsabilidade. Actualmente, esta proposta estase a desenvolver en 19 centros máis do País Vasco e un das Illas Canarias que comparten a mesma concepción da escola.

Este sistema educativo baséase na convicción de que a escola debe ser unha simulación de vida, polo que os seus eixes curriculares son os chamados “contextos sociais”. Estes contextos imitan o mundo adulto e basean a aprendizaxe no xogo. As materias interrelaciónanse e en todas se traballan as diferentes competencias curriculares. Por exemplo, no contexto da tenda aprenden a mercar a vender, os pesos e as medidas, entre outros coñecementos. Outro exemplo sería o desenvolvemento da competencia de comunicación lingüística: cada alumno decide a temática na que quere profundar, busca información na biblioteca, le e selecciona as ideas principais e logo deféndeas oralmente ante os compañeiros.

Todas as tarefas e actividades respectan o ritmo individual de cada estudante e a diversidade é considerada un factor enriquecedor. Búscase desenvolver as competencias afectivas para contribuír ao crecemento persoal e a unha boa socialización e convivencia. Tamén se fomenta a asunción de responsabilidades por parte do alumnado e a súa implicación na vida do centro, por exemplo, colaborando coas tarefas da biblioteca.

No tocante á didáctica das linguas, considero totalmente aplicable esta proposta. Dado que a finalidade dos idiomas é a acción comunicativa, que mellor xeito de practicala que en contextos que simulan a realidade? Ademais, sería unha maneira lúdica de integrar linguas e aprendizaxe de contidos.


Comentarios