Espazos educativos innovadores: Educación Básica Interactiva


A proposta pedagóxica do Colegio Santa María La Blanca de Montecarmelo (Madrid) é un sistema de Educación Básica Interactiva (EBI). Baséase no emprego das TIC e a elaboración dunha guía de aprendizaxe para cada alumno segundo o seu perfil de aprendizaxe. Ese perfil é o resultado dun diagnóstico elaborado entre o departamento de orientación, os profesores especialistas, a familia e o propio estudante. Esa personalización do ensino, en base ás motivacións, coñecementos e habilidades de cada un, permite acadar unha aprendizaxe significativa.

Ademais das guías de aprendizaxe, o alumnado deseña as súas propias experiencias de aprendizaxe nun caderno guía. Os estudantes teñen citas de seguimento cos seus titores, nas que constantemente se revisa o seu progreso, se modifican os seus obxectivos e se resolven dúbidas.

Neste sistema educativo, as clases non son iguais para todos, pois na mesma aula os alumnos realizan diferentes tarefas. Non hai exames, pois cada alumno decide cando e como se avalía a súa guía, e tampouco deberes, pois as guías están deseñadas para ser completadas durante a xornada lectiva.

No tocante á didáctica das linguas, creo que esta proposta pode ser aplicable. Comparto especialmente a dedicación do alumnado ao estudo só durante a xornada lectiva, pois considero que é preciso o tempo de descanso e lecer e as horas que pasa no centro educativo deberían ser suficientes. Non teño tan clara a miña opinión sobre un xeito tan flexible de avaliar como deixar en mans do estudante o cando e o como.

 


Comentarios